A primeira hora da tarde deste xoves suscribíronse na casa consistorial os acordos de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e as tres asociacións que traballan no ámbito da apicultura, a fructicultura e da dinamización do sector primario. Deste xeito reedítanse uns convenios que se veñen mantendo nos últimos anos tanto no seu cometido como nas contías asignadas, que ascenden no seu conxunto a 6.200 €. A novidade para 2018 atinxe ao acordo apícola, xa que desde agora será a Casa do Mel de Goente quen xestione o colmear didáctico da Cortiña, substituíndo nese cometido a AGA-Ferrolterra. A entidade percibirá 1.500€, mentres que a Asociación Agroecolóxica A Cortiña contará cunha axuda fixa de 1.200 para o desenvolvemento de accións formativas e de asesoramento. O convenio de maior importe -3.500€- recaeu na Asociación Galega da Froita autóctona, encargada da horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos.

Tal e como establece o convenio asinado hoxe, AGFA  deberá continuar enriquecendo a plantación situada na Cortiña con novas variedades ou repoñendo os pés que fallen. Ademais tamén se recolle a colaboración da asociación na organización do concurso de froita autóctona da Feira Rural, a encomenda de planificar as visitas ao recinto -se é posible coordinándoas coa Casa do Mel- e a realización dunhas xornadas sobre alimentación saudable dirixidas ao alumnado do CPI. Por último, a entidade terá que asumir o mantemento íntegro da horta e organizar alomenos un curso relacionado coa fructicultura que ha de ser gratuíto para a veciñanza de San Sadurniño.

O convenio coa Casa do Mel de Goente tamén delega nesta asociación o mantemento completo do apiario didáctico situado ao pé da plantación de froiteiras. Deberán repoñer elementos deteriorados, ofrecerlles ás abellas os coidados que requiran e mesmo contratar un seguro de responsabilidade civil polos danos que puidesen causar. O acordo inclúe unha parte didáctica, vinculada á realización de dúas visitas guiadas por dirixidas ao alumnado do CPI -parte do mel recollido destinarase precisamente ás visitas escolares- e á celebración dunha exposición apícola na Feira Rural. A asociación tamén deberá desenvolver un curso apícola dun mínimo de 20 horas de duración e, igual que no caso da AGFA, de balde para xente empadroada no concello.

Por outra banda, segundo se reflicte no convenio, a Casa do Mel asumirá a retirada de niños de avespa velutina “naqueles lugares que se determinen entre as partes, e que sexan considerados un perigo para as persoas por mor da proximidade a vivendas ou espazos públicos”.
O obxecto do último dos acordos rubricados este mediodía -o correspondente á Asociación Agroecolóxica A Cortiña- é crear un marco estable de colaboración entre o Concello de San Sadurniño e esta entidade “co fin de afianzar a dinamización socioeconómica do medio rural dende unha perspectiva ecolóxica e de sustentabilidade social, económica e ambiental”, tal e como aparece recollido na cláusula primeira do documento.

Entre as actuacións conveniadas por valor de 1.200€ están a organización de charlas técnicas, cursos e conferencias; a edición de material gráfico para a difusión da agroecoloxía e a cooperación con entidades públicas e privadas neste ámbito, xa sexa para facer intercambio de experiencias ou para realizar visitas de interese a lugares de referenza na produción agrogandeira ou na transformación de alimentos.

Ademais de Manolo Varela tamén estamparon a firma en cadanseu convenio José Antonio Bellas por parte da AGFA, Manuel Ferreira en representación da Casa do Mel de Goente  e Xosé María García como presidente da Asociación Agroecolóxica A Cortiña. Os tres convenios asinados  inclúen entre as súas cláusulas que o 75% da cantidade asignada se librará xusto despois da entrada en vigor do acordo e o outro 25% cara a finais de ano, cando se presenten as facturas xustificativas dos gastos.

O luns, charla sobre as axudas da PAC
En relación co sector primario, desde a área de Desenvolvemento local infórmase da charla sobre a solicitude de Axudas da PAC 2018 que terá lugar na Casa da Cultura este luns 19 de marzo a partir das 11.30h.

Asistirá o xefe do servizo territorial do FOGGA para explicar as novidades destas axudas que poden tramitarse até o 30 de abril, entre elas o novo modelo de Solicitude Unificada para varias achegas directas baseadas na superficie agrícola da explotación e nos censos de gando (pagamentos directos) así como as axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control unificando tamén o período de solicitude. No encontro co representante de Medio Rural tamén se falará sobre o novo decreto de puríns.

http://sansadurnino.gal/o-concello-asina-convenios-por-valor-de-6-200e-coas-entidades-relacionadas-co-sector-primario/