sábado, 17 de septiembre de 2016

Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras



Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras

Galicia, como acontece en moitos outros territorios de Europa, ten un enorme potencial xenético no referente ás variedades vexetais, e nomeadamente ás froiteiras.
Ao longo dos séculos as mulleres e os homes do noso agro foron escollendo e seleccionando as castes, de cara a obter variedades que se axeitasen tanto ás condicións ambientais da zona, como ás necesidades de produción, almacenaxe e métodos de transformación.
Galicia aínda é un país inzado de maciñeiras, pereiras, pexegueiros, limoeiros, castiñeiros, cerdeiras ou ameixeiras. Pero dende hai tempo a meirande parte destas froiteiras só se vinculan ao autoconsumo, e boa parte da súa produción podrece nos campos, namentres nas superficies comerciais só se poden adquirir froitas de fóra.
A lexislación comunitaria, centrada na teima da homoxeneidade do produto e no control sanitario, así como no apoio á agricultura industrializada e á entrada masiva de froitas doutras partes do mundo, e máis o abandono e a industrialización do agro fixeron que en 20 anos a fruticultura tradicional galega, como noutros territorios da Europa comunitaria, practicamente desaparecese.
Perante esta preocupante situación creáronse entidades como a Asociación Galega das Froitas Autóctonas do Eume (AGFA), que ten o obxectivo principal de recuperar, preservar e difundir as variedades autóctonas ou tradicionais das árbores froiteiras.
A AGFA, e máis todas as persoas e entidades que apoian e subscriben este manifesto, consideran que é esencial recuperar a fruticultura tradicional en Europa, e apoiar a preservación e a comercialización das variedades propias de cada territorio. Deste xeito facilitaríase a reactivación económica do agro, xerando rendas e emprego, o cal incidiría na dinamización social e demográfica dos espazos rurais.
Pero ademais, os milleiros de variedades e tipos de froitas que existen hoxe en día están en serio perigo de desaparecer, por mor da imposición dun reducido número de variedades comerciais e de distribución mundial. Isto é o que a propia UE chama “erosión xenética” e supón unha perda de biodiversidade frutícola sen precedentes na historia da humanidade.
Todas esas variedades e tipoloxías son parte do noso patrimonio, tanto natural como cultural, e a súa perda é unha irresponsabilidade colectiva, xa que son as que mellor se adaptan ao medio onde se atopan e teñen unhas cualidades e unhas calidades que se cadra as variedades comerciais non poden acadar.
Á parte da presión do propio mercado, dos laboratorios e das grandes empresas de distribución, a lexislación promovida pola Unión Europea e polos Estados membros está pondo moitas pexas á fruticultura tradicional e ás variedades autóctonas, tamén chamadas “de conservación”, no canto de apoialas.
O último, que non derradeiro, problema neste senso vén provocado pola normativa relativa ao control e certificación das plantas de viveiros de froiteiras. O novo plan estatal neste ámbito incide no control da identidade das froiteiras que se comercializan, co propósito de prohibir a comercialización daquelas variedades que non sexan previamente controladas, identificadas e incluídas no Rexistro estatal de variedades comerciais.
Realmente a normativa existente está pensada para regular a creación de novas variedades comerciais, por parte dos laboratorios dos grandes grupos multinacionais, e esquece a protección das variedades xa existentes, logradas grazas ao traballo anónimo, durante centos de anos, de milleiros de labregos e labregas.
Obviamente, as variedades comerciais, coñecidas en todo o mundo, están claramente identificadas. Pero non pasa o mesmo cos milleiros de variedades de conservación que se atopan ciscadas por toda Europa. Cómpre ter en conta que na Horta de Conservación de Froiteiras “Carlos Fornos”, situada en San Sadurniño e xestionada pola AGFA, hai máis de 150 variedades propias das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, moitas delas tamén presentes noutras zonas de Galicia.
Estas variedades, se non hai ninguén que as caracterice e rexistre, algo que leva tempo e bastante traballo técnico, ficarán fóra do mercado de plantas de viveiro, e polo tanto non se poderán expandir nin se poderán crear explotacións froiteiras con estas variedades tradicionais.
As persoas e entidades asinantes deste manifesto cremos que esta situación é moi preocupante e polo tanto fan falta medidas que fagan virar o rumbo, de cara á recuperación da fruticultura tradicional e á difusión da biodiversidade e do enorme patrimonio natural que posúe o noso agro.
Por todas estas razóns instamos:
Á UNIÓN EUROPEA:
·         Para que a Comisión Europea, con carácter de urxencia, promova a creación dunha Comisión de traballo que analice a situación da biodiversidade vexetal agrícola e as consecuencias da implantación da nova lexislación comunitaria a nivel europeo, tanto dende o punto de vista económico, como cultural e ambiental
·         Para que a nova lexislación comunitaria teña en conta nomeadamente as variedades froiteiras de conservación ou autóctonas, de cara a que se asegure a súa efectiva preservación e se promova a súa difusión e introdución nos mercados, especialmente nos ámbitos locais
·         Para que, nomeadamente, se cree a denominación de "VARIEDADES PROTEXIDAS EN PERIGO DE EXTINCIÓN" que permita protexer e divulgar o patrimonio frutícola, e que prohiba a súa manipulación xenética e o seu posterior rexistro como variedade protexida (con patente)
·         Para que promova a cooperación e a difusión de coñecementos e boas prácticas neste eido, ao longo do territorio europeo
AO ESTADO ESPAÑOL:
·         Para que, dentro das súas competencias, lexisle no mesmo sentido ca nos apartados anteriores e que estableza un período transitorio suficiente que permita adaptarse á nova normativa
·         Para que se habiliten liñas de axudas para a adaptación dos viveiros e dos fruticultores ás novas esixencias normativas, por mor da reconversión de campos de plantas nais á nova situación, e polas perdas ocasionadas pola prohibición de comercializar planta e froita de variedades que non estean no Rexistro
·         Para que se facilite e se simplifique ao máximo os trámites esixidos para os rexistros de variedades
·         Para que coordinen coas Comunidades Autónomas, de forma eficiente, as actuacións no ámbito da protección das variedades de conservación das froiteiras
Á COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA:
·         Para que se lexisle en Galicia no ámbito da protección das variedades autóctonas, variedades de conservación ou variedades de afeccionado das froiteiras, e se cree un rexistro autonómico destas castes
·         Para que a Xunta de Galicia, de oficio, garanta a preservación das variedades, achegando os medios técnicos e humanos necesarios para a súa caracterización, rexistro, preservación (en bancos de recursos fitoxenéticos) e difusión
·         Para que se permita e se fomente a comercialización e a utilización sustentable das variedades froiteiras autóctonas ou de conservación
·         Para que a Xunta de Galicia deseñe e desenvolva un plan específico de apoio á fruticultura, incluíndo accións de concienciación, formación, investigación, innovación ou difusión dos coñecementos tradicionais, de cara a converter este sector nun referente no agro galego
·         Para que a Consellaría do Medio Rural habilite unha liña de axudas, como acontece noutras comunidades autónomas, para especies vexetais en risco de erosión xenética

San Sadurniño, 17 de agosto de 2016







Estimado Alcalde-Presidente do Concello de San Sadurniño


A Asociación Galega das Froitas Autóctonas do Eume (AGFA) ten o obxectivo principal de recuperar, preservar e difundir as variedades autóctonas ou tradicionais das árbores froiteiras das comarcas do Eume, do Ortegal e de Ferrolterra.
Cremos que temos un basto patrimonio natural e cultural vinculado á fruticultura neste territorio que é preciso, por unha banda, preservar, e pola outra potenciar e recuperar para que volva ser unha actividade que xere emprego, rendas e benestar.
Ora ben, a evolución social e os cambios normativos están complicando o desenvolvemento destes obxectivos, e mesmo estamos ante unha complexa situación que pode pór en perigo todo ese patrimonio existente en centos de variedades e tipoloxías de froitas.
Perante esta situación vimos de lanzar unha campaña de apoio á fruticultura tradicional e aprobamos o texto dun “Manifesto a prol da preservación, difusión e comercialización das variedades autóctonas de froiteiras”, que queremos difundir de cara que sexa asumido por todas aquelas entidades e persoas que acrediten nos seus obxectivos e propostas.
Por este motivo achegámosche o texto do manifesto e solicitámosche que o estudedes e que, se o vedes procedente, deádeslle o voso apoio mediante a correspondente resolución.
No caso de apoiar o dito manifesto, pregamos que nos informedes e nos enviedes unha copia da resolución de apoio.
Agardamos a voso interese sobre este tema, e poñémonos ao voso dispor para colaborar naqueles asuntos relacionados coa defensa e a promoción da fruticultura tradicional.
Atentamente,
Asdo.


Ramiro J. Martínez Picos
Presidente da Asociación Galega
da Froita Autóctona do Eume

Curso en Lourenza





Sempre comprtindo conocimento

Festival da Luz 2016







Exposición nun festival novo para nós. 1180 firmas recollidas para a nosa causa en dous días de moito traballo para os compañeiros, os que non asistimos queremos dar as gracias a Bellas, Alberto, Miguel, Juanma, Manuel Angel e Ramiro que participaron os dous dias de feira.

Festa das Peras 2016



 








Unha cita onde a xente nunca falla.
Graciñas a todos

jueves, 24 de diciembre de 2015

bo nadal

Desde a AGFA DO EUME desexámosvos - amais de darvos as grazas pola vosa colaboración-  o mellor para o vindeiro 2016

Un saúdo

miércoles, 9 de septiembre de 2015

Festa das Peras 2015 Pontedeume

 En Pontedeume na Alameda de Raxoi do antiguo convento dos Agustinos, empezamos con auga pero o final quedou boa maña para votar un ollo a boa froita da comarca. 
29 concursantes e moitos cestos puxeronse as cousas dificiles ó xurado.

Xente de Doroña















Feira Rural San Sadurniño

Añadir leyenda













E aquí estan as gañadores de esquerda a dereira Tabardilla Branca (Premio a máis antiga) Tabardilla do País (Premio a Mellor variedade)